Por que Morgana?

Despois de todo o curso funcionando como "grupo de igualdade do CIFP Compostela", no mes de maio, cando xa se albiscaba o remate do curso, decidimos poñerlle un nome menos informativo e  máis curto, un nome que nos diferenciase. Comezamos  cunha chuvia de ideas e saíron moitas palabras fermosas. Moitas eran nomes de mulleres silenciadas pola Historia (a que se escribe en maíuscula adoita ser a que escribiron só os homes), outras eran nomes con ecos lendarios... Finalmente decidimos bautizar o noso grupo co nome de Morgana, personaxe do ciclo artúrico que, nas versións máis modernas do mito, fora caracterizada como unha bruxa malvada (podedes ver, por exemplo, como sae parada no filme Excalibur, de John Boorman).



Mais, quen era Morgana? Nas versións máis antigas do mito artúrico, cóntase que é media irmá de Artur e que herdou da súa nai a Maxia da Terra. É pois, unha fada co poder da curación, que goberna a illa de Ávalon xunto coas súas nove irmás. As versións posteriores do mito, influídas polo cristianismo, amosan a Morgana como unha fada maléfica que se opón a Artur. Se tedes interese en coñecer o mito auténtico podedes ler Morgana en Esmelle, a novela na que Begoña Caamaño lle deu voz ás personaxes tradicionalmente almente silenciadas dos mitos.


E por que darlle o nome dunha bruxa ou fada maligna a un grupo de igualdade? Temos moitos motivos. Para empezar, porque sabemos que a palabra bruxa non tiña orixinalmente a connotación negativa que se lle acabou dando interesadamente. Etimolóxicamente, procede dunha palabra exipcia, "Baq", que significa "poder feminino" ou "muller que coñece as palabras máxicas e as usa". Por tanto, a palabra bruxa significa en orixe "muller empoderada". Como nos descubriu Silvia Federici, as bruxas eran mulleres sabias que exercían un labor fundamental nas comunidades, de transmisión dos saberes relativos á curación, de axuda nos partos e na anticoncepción. Na Idade Moderna, estas mulleres van ser vistas como unha ameaza polos detentores do único saber que se considera válido: o científico, e pola racionalidade capitalista que nese momento inicia o seu ataque contra as formas de comunidade que funcionaran no campesiñado de Europa.

Como poñer as lentes lilas significa cuestionar todo o que nos contaron até o dagora; negámonos a crer que Morgana era a malvada do conto; como non cremos que as bruxas foron aqueles seres diabólicos con que nos querían asustar nos contos de pequenas.
E como, ademais, este grupo xurde desde un CIFP onde se imparten os ciclos de Servizos Socioculturais e á Comunidade e de Hostalería, queremos reivindicar a todas aquelas mulleres que coidaron das súas veciñas e veciños, que cos seus saberes sobre os poderes das prantas idearon pócemas, receitas, menciñas. Porque elas, aínda que o seu nome non nos chegase, si nos deixaron o legado dos seus saberes.

Comentarios

Entradas populares